Moraña propón un orzamento para 2020 cun gasto social un 48% superior
Por Redacción
O Pleno da Corporación de Moraña debaterá na noite deste luns o proxecto de Orzamentos municipais para 2020 elaborado polo goberno local, que ascende a 2.138.188 euros, un 1,25% superior ao pasado exercicio. As contas resultarán previsiblemente aprobadas.
No proxecto orzamentario destaca o incremento da partida de Servizos Sociais, que pasa de 242.832 euros en 2019 a 358.201 euros para o próximo ano, un 48% superior. En relación con esta subida, a alcaldesa, Luisa Piñeiro, destacou que Moraña leva anos de constantes incrementos na área de Servizos Sociais, pero nesta ocasión redobráronse os esforzos.
En concreto, segundo a información facilitada pola alcaldesa, un de cada seis euros estarán destinados a persoas maiores, dependentes, persoas en risco de exclusión e colectivos máis vulnerables, que "xa dixemos que son unha absoluta prioridade para nós". En concreto, o investimento por habitante nesta área é de 85 euros, xa moi preto dos 100 que supón o nivel de 'excelencia social'.
No capítulos de ingresos, a presión fiscal quedará fixada en 216,87 euros por veciño ao ano, o que supón unha das cifras máis baixas de toda a provincia de Pontevedra, segundo destaca o goberno local a través dun comunicado.
Ademais, as transferencias correntes mantéñense estables malia a forte diminución da achega do Estado, que baixará de 701.000 a 635.000 euros. O goberno local "lamenta" tal caída e destaca que se compensa coa alza das transferencias directas da Xunta en 81.000 euros, ata alcanzar os 428.000 euros.
No apartado de gastos, 512.000 euros serán para gastos de persoal, o que supón apenas o 24% do total.
O Plan de Investimentos 2020 non aparece detallado no Orzamento, xa que o goberno local quere agardar a coñecer os proxectos doutras administracións e a viabilidade certas negociacións que ten en marcha, polo que posiblemente se dea a coñecer no primeiro bimestre do próximo ano. A alcaldesa si que adiantou que os investimentos "van ser importantes, superando claramente o millón de euros".