Sae a licitación a reforma do antigo ximnasio da ONCE
Por Oskar Viéitez
A portavoz do Goberno municipal do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, anunciou este luns que a Xunta de Goberno local aprobou na súa sesión deste luns o expediente de contratación das obras de reforma do antigo ximnasio da ONCE por un importe de 448.636,94 euros e un prazo de execución de seis meses.
A concelleira explicou que o proxecto consiste en mellorar o consumo e o comportamento enerxético do edificio, o que implica diversas actuacións, sobre todo na cuberta, para aforrar enerxía eléctrica e térmica e tamén para garantir as perfectas condicións nas que se desenvolvan as actividades que acolle. Neste sentido, Gulías lembrou que estas instalacións están sendo empregadas por varios clubes da cidade e que o seu estado é moi mellorable.
A obras van ecamiñadas a aplicar medidas e solucións técnicas para mellorar o comportamento da envolvente da cuberta, a mellora da eficiencia, e a redución do consumo enerxético eléctrico co camio de luminarias, así como outras actuacións encamiñadas a mellorar a eficacia da climatización.
Anabel Gulías asegurou que "se está prestando moitísima atención a esta parte da cidade" e que "a través do convenio coa ONCE se devolve ao Concello tanto o Centro Sur como o antigo ximnasio da ONCE, para poñelos a disposición dos veciños e das veciñas".
A portavoz do goberno lembrou que tanto a reforma do antigo ximnasio da ONCE como a recuperación do Centro Sur - este último conta cunha previsión de investimento de 1.500.000 euros para usos residencias para persoas con diversidade funcional- están enmarcadas nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) "Máis Modelo Urbano Pontevedra".