A empresa que limpe as dependencias municipais terá que contratar máis traballadores
Por Alejandro Espiño
O novo contrato de limpeza de dependencias municipais incluirá, por vez primeira, as instalacións deportivas e os centro socioculturais do municipio. É a principal novidade dun servizo que lle custará ao Concello algo máis de 2,5 millóns de euros durante catro anos.
Este contrato, que sae a licitación por 2.535.141,62 euros, estará dividido en dous lotes e as empresas interesadas poderán optar a un só ou a ambos.
O expediente de contratación divide o orzamento en 416.633,99 euros para a anualidade 2020, en 606.935,86 euros para 2021, en 755.785,87 euros para 2022 e en 755.785,87 euros para 2023. Os pregos tamén prevén a concesión dunha prórroga para un ano máis.
De cara a lograr unha ordenación e racionalización "máis eficiente", sinalou o concelleiro responsable da xestión do lixo, Raimundo González, no servizo unificaranse todas as dependencias municipais, incluíndo as instalacións deportivas e as socioculturais.
O número de dependencias total supera o medio centenar, o que implicará o incremento do número de traballadores que hai na actualidade. Ademais tamén se establece que todos os traballadores actuais sexan subrogados pola empresa que resulte adxudicataria.
A licitación establece a prestación do servizo para os pavillóns deportivos, entre os que destacan o municipal e o multiusos da Xunqueira, e para dezaoito edificios administrativos e de servizos de emerxencias municipais.
Así, entrarán no contrato o edificio do Concello en Michelena 30, a casa consistorial da Praza de España, as oficinas municipais do Teatro Principal, o chalé de Fontoira, a Casa Azul, o local de Xan Guillerme, a Casa da Luz, o edificio de Churruchaos, o local de Jofre de Tenorio, o local da rúa Julio Camba, o arquivo municipal ou o antigo conservatorio.
Tamén van as dependencias da Policía Local, o parque de Bombeiros, a sede de Protección Civil, a nave das brigadas municipais, o centro de condutas aditivas, o edificio de Santa Clara, a escola infantil da Parda, os mercados da rúa Serra, Virxe do Camiño, Frei Juan de Navarrete e Ponte Sampaio; e os cemiterios de San Amaro, Lourizán, Bora, Campañó e Ponte Sampaio.
O contrato contempla a limpeza de 26 centros socioculturais, entre eles, o centro médico e biblioteca de Ponte Sampaio, o Centro Sur, os centros sociais de Monte Porreiro, A Devesa, Xeve, Pío-Bora, Cons -Mourente, Méan e Tomeza, o centro cultural San Roque, o centro social do Gorgullón, o centro social Leste e os centros culturais de Pontemuíños e Ponte Sampaio,
Por último, inclúense o centro social de Salcedo, a casa da cultura de Cabaleiro (Campañó), os centros culturais de Sabarís, Canicouva, Sagueiral e o museo etnográfico de Xeve, a escola unitaria de Fragoso, o centro cultural de San Andrés de Xeve, o local social de Reariz e os novos centros sociais de O Burgo e Estribela.
Relacionadas:
-
Sae a contratación o servizo de limpeza para dependencias municipais e instalacións deportivas
Por Oskar Viéitez |
-
Preocupación entre o persoal de limpeza polo novo contrato municipal
Por Oskar Viéitez |
-
O novo contrato do lixo oscilará entre os 11 e os 13 millóns de euros anuais
Por Alejandro Espiño |
-
Abren un proceso de consulta cidadá para deseñar o novo servizo de recollida de lixo
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra licita o novo contrato de limpeza de dependencias municipales e instalaciones deportivas
Por Alejandro Espiño |