Salcedo acepta rebaixar "entre o 30 e o 40%" o canon á Brilat e pedirá a Defensa uns 300.000 euros anuais
Por Alejandro Espiño
As negociacións entre a comunidade de montes de Salcedo e o Ministerio de Defensa entran nunha fase determinante. Así o asegura o presidente dos comuneiros, Fernando Pintos. O vindeiro mércores 24 de xullo celebrarase en Madrid a terceira reunión entre ambas partes para intentar pechar o acordo que permita á Brilat manterse no seu actual ubicación, a cambio do pagamento dun canon anual polas hectáreas de monte comunal no que se asentan.
En declaracións a PontevedraViva, Fernando Pintos sinalou que este novo encontro será decisivo porque "non ten sentido seguir falando moito máis". Asegura que a situación na que se atopa a negociación obriga "a poñer as cousas claras", xa que os argumentos esgrimidos por ambas partes "xa están sobre a mesa". E neste sentido tende a man a Defensa "tendo en conta a sensibilidade que hai neste asunto" para chegar a un acordo.
Lonxe queda a primeira oferta trasladada por Salcedo. Inicialmente pedían 450.000 euros ao ano polo uso dos terreos, ao valorar en 0,5 euros o metro cadrado, é dicir 5.000 euros cada unha das 90 hectáreas que ocupa actualmente a Brilat. Pero os comuneiros aseguran estar dispostos a "facer un esforzo" e aceptarán unha substancial rebaixa nas súas pretensións. Fernando Pintos apunta a unha cifra que oscilará entre o 30 e o 40%.
ÿ dicir, en números redondos, Salcedo pretende pechar o acordo sobre os 300.000 euros anuais. Trátase dunha cantidade orientativa, xa que a oferta concreta será decidida na asemblea que a comunidade de montes celebrará este venres. O prezo por hectárea poderíase situar entre os 3.000 e os 3.500 euros, un valor "moi inferior", segundo os comuneiros, ao que teñen outros montes comunais da provincia.
Este esforzo da comunidade de montes, segundo Fernando Pintos, non é só económico. Ademais de aceptar a rebaixa do canon ata as cifras antes sinaladas, asegura que os veciños máis próximos á base "que son os que sofren realmente as molestias coa presenza da Brilat" aceptan a súa continuidade "a pesar da perda de valor que teñen as súas propiedades por estar ao carón do cuartel militar".
Salcedo está disposta a ceder, "pero non aceptamos limosnas nin tampouco imos regalar os nosos terreos", advirte Fernando Pintos
Por iso, o presidente dos comuneiros de Salcedo pide a Defensa que "faga tamén un esforzo pola súa parte" e mellore substancialmente as cantidades que ofertaran inicialmente, uns 36.000 euros anuais, segundo Fernando Pintos, para poder poñer fin a catro anos de enfrontamentos, un desde a sentenza do Tribunal Supremo que devolvía a titularidade de 82 hectáreas da base á comunidade de montes.
Neste sentido, Fernando Pintos quixo reiterar que o diñeiro que recibirían mediante este canon "non é para encher os petos de ningún comuneiro", senón para reinvertir no monte "creando postos de traballo e dándolle valor ao monte". Algo para o que haberá que esperar tempo, xa que sinalou que, por exemplo, nas 82 hectáreas recuperadas "hai que facer moita inversión e non veremos os froitos ata dentro de 20 ou 30 anos".
CRITICAS ÁS INTERFERENCIAS POLITICAS
De cara á recta final destas negociacións, os comuneiros de Salcedo piden ademais a "certos sectores políticos" que deixen de interferir no proceso coas súas "coaccións, ameazas, presións, manipulacións, mentiras e falsedades". E é que Fernando Pintos non esquece que "desde o primeiro día diversos personaxes políticos intentaron demonizar aos comuneiros de Salcedo pola cantidade económica que pedimos a Defensa".
Recorda que son eles "os que temos o sartén polo mango porque o monte é noso" e que ninguén, xurídica, legal ou moralmente "pode meterse nos nosos intereses". O presidente dos comuneiros insistiu en que estas interferencias "non son boas para ninguén" e concluíu cunha mensaxe clara ao Ministerio de Defensa: están dispostos a ceder, "pero non aceptamos limosnas nin tampouco imos regalar os nosos terreos".