A construción do centro sociocultural de Tenorio comezará a principios de 2020
Por Redacción
A empresa Coviastec, que presentou unha oferta de 583.092 euros, será a que execute a obra de construción do novo centro sociocultural de Tenorio, actuación que comezará nas primeiras semanas do próximo ano 2020.
A firma ofreceu unha baixa de case un 0,6% sobre o orzamento de licitación, melloras por 96.000 euros e unha garantía de cinco anos, segundo traslada o goberno municipal, que destaca que grazas a iso o edificio será máis completo e quedarán cubertas as posibles deficiencias.
O proxecto, que foi presentado aos veciños e que conta co respaldo da parroquia, suporá a construción dun inmoble de nova planta situado na travesía da parroquia entre o centro de saúde e a zona de Covas nunha parcela de 1.670 metros cadrados.
Será un recinto de grandes dimensións, cunha superficie de 561 metros cadrados, e que disporá dunha dobre sala, de 170 e 107 metros, respectivamente, que se poderá usar de xeito conxunto grazas aos seus tres pórticos de dúas augas e á súa envolvente con peche de dúas follas ata alcanzar unha capacidade para 300 persoas.
Deste modo, poderá acoller todas as actividades da contorna, con especial beneficio para os maiores e os colectivos culturais e musicais.
O centro sociocultural tamén contará con tres aulas para accións formativas e cursos, dúas oficinas, catro aseos -dous deles para persoas con discapacidade-, tres espazos de almacén e un recibidor.
Terá garantidos todos os servizos, xa que a parcela conta con auga, saneamento e electricidade e un acceso axeitado, posto que o predio está conectado coa travesía a través de beirarrúas.
Con esta obra, só restarán sen centros destas características Carballedo e Corredoira, onde as previsións do Concello pasan por acometer a redacción dos proxectos e a licitación ao longo do vindeiro ano.