Un pontevedrés detido por agredir á súa parella e ao seu propio pai na Noiteboa
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Pontevedra detivo e puxo a disposición xudicial a un pontevedrés acusado de violencia machista.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, os feitos ocorreron na madrugada do 25 de decembro, ás 04:55 horas, nunha vivienda da parroquia de Mourente cando o pai do presunto agresor pediu a asistencia dos servizos de emerxencias.
Segundo o atestado da intervención, tanto o pai como a parella do detido presentaban lesións de diversa consideración e tras unha primeira valoración por parte do facultativo da ambulancia do 061 que se personou no lugar, a muller foi trasladada ao servizo de urxencias do Hospital de Montecelo. O pai foi trasladado máis tarde tras prestar declaración para esclarecer os feitos.
A muller presentaba lesións nunha man e na cabeza, tras ser golpeada e empurrada polas escaleiras, e o pai presentaba lesións nun ollo e na boca tras ser golpeado cando intentaba interceder entre o fillo e a parella.
Pola súa banda, o detido tamén foi derivado primeiro ao PAC da Parda e posteriormente ao servizo de urxencias de Montecelo debido a unha fisura na man esquerda, sendo trasladado e custodiado por efectivos da Policía Local e tras ser informado dos seus dereitos no momento da detención.
No momento do arresto, na mesma vivenda tamén se atopaban a parella do pai e a filla menor do detido que presenciou os feitos.