Rafa Domínguez pide a dimisión de Carme da Silva polas súas acusacións contra a Policía Local
Por Natalia Puga
O portavoz do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, pediu este luns de forma pública a dimisión da concelleira do BNG Carme da Silva polas afirmacións realizadas durante o último pleno da Corporación do 23 de decembro, cando, como exresponsable de Seguridade Cidadá, deu explicacións ante o último pleno polo denominado 'caso dos semáforos', os dous axentes da Policía Local que foron investigados acusados de manipular os semáforos durante unha protesta laboral.
Domínguez pide a súa dimisión "de forma inmediata" porque considera que "no ha estado a la altura", "ha mentido" e acusou os axentes da Policía Local de Local "de un delito de fraude organizado sin pruebas". En concreto, critica que a concelleira acusou os policías dunha folga encuberta cunha fraude de baixas médicas e insinuou que o portavoz do PP estaba detrás de actos de protesta dos policías.
No que ten que ver directamente con Rafa Domínguez, non pide a dimisión, pero si que pide que se retracte das declaracións. En concreto, concelleira sinalou que vía un interese "desmesurado" neste tema e pediulle que "deixe de dar ordes" e de utilizar á Policía Local para lograr "réditos políticos". O aludido pídelle que rectifique ou, en caso contrario, estudará medidas.
O caso dos semáforos foi arquivado por un xulgado e a xuíza determinou que non hai probas que sustenten esta acusación, que os axentes non tiñan a pericia necesaria para alterar os semáforos e que, en todo caso, esa actuación non sería constitutiva de delito. Tras darse a coñecer o arquivo, Rafa Domínguez levou o asunto a Pleno e instou o goberno local a pedir desculpas.
No Pleno, Carme da Silva defendeu que neste proceso cumpriuse "escrupulosamente" a legalidade vixente, xa que considera que sería " gravísimo e inadmisible" que, #ante unha actuación que poida constituír un delito, a Policía Local non trasladase o asunto ás correspondentes instancias xudiciais. Reiterou o seu apoio ao xefe policial e sinalou ao PP, ao que ve "claramente vinculado" coas protestas laborais da Policía Local.
Rafa Domínguez aclarou que esperou unha semana desde o Pleno ata esta comparecencia deste luns para darlle tempo a Carme da Silva a desdecirse das súas afirmacións, pois cre que nun pleno unha persoa pode quentarse e dicir cousas das que logo se arrepinte. Dado que non chegou ese arrepentimento, decidiu dar unha rolda de prensa para pedir a súa dimisión.
En opinión do líder do PP, trátase dunha conduta " gravísima" e aproveita para preguntar ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e ao grupo municipal do PSOE, como socio de goberno do BNG, se están de acordo con esas afirmacións. Lembra, ademais, que leva cinco anos como concelleiro e nunca pedira ningunha dimisión. Nesta ocasión, "o tiene pruebas o tiene que irse a su casa".
Relacionadas:
-
A Xustiza dá a razón ao Concello en senllos conflitos laborais coa Policía Local e os bombeiros
Por Redacción |
-
O goberno local apoia á concelleira Carme da Silva ante a petición de dimisión realizada polo PP
Por Redacción |
-
O tráfico e o 'caso dos semáforos' enturbian o espírito de nadal do pleno
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O PP esixe a comparecencia en Pleno do alcalde e Carme Da Silva polo "caso dos semáforos"
Por Oskar Viéitez |