Os cómplices dos Reis Magos cumpren os desexos de 588 menores de familias desfavorecidas
Por Redacción
Un total de 588 nenos, nenas e adolescentes pontevedreses recibirán un agasallo nesta noite de Reis no marco do programa "(en)Volve" que xestiona o departamento da Fundación Meniños na Casa Azul.
A iniciativa da Fundación Meniños procura cómplices dos magos de Oriente para estas festas do Nadal co obxectivo conseguir xoguetes novos para familias do municipio que se atopan con escasos recursos económicos.
Grazas á colaboración de persoas anónimas que pasan a ser cómplices dos Reis Magos, eses 588 menores de idade pertencentes a familias desfavorecidas terán algún dos agasallos que pediron na carta que escribiron aos Reis Magos. Os rapaces pediron tres desexos que os cómplices materializaron en xoguetes novos de prezo non superior a 35 euros.
Este ano é o sexto que se organiza esta actividade de recollida de xoguetes novos para familias do municipio que se atopan con escasos recursos económicos e os cómplices xa entregaron todos os xoguetes na Casa Azul antes do 26 de decembro. Agora, na noite de Reis, chegarán aos seus destinatarios.