A casa máis iluminada de Pontevedra: "Abel Caballero picouse comigo, eu levo dez anos e el, dous"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Hai xa dez anos que Margarita González Bértola decidiu dar renda solta ao seu espírito do Nadal e que a súa casa reflectise canto lle gusta esta época do ano. Empezou a iluminar o exterior da vivenda e, desde entón, ano tras ano, foi aumentando a decoración ata convertela na máis iluminada de Pontevedra. Está situada no barrio de Monte Porreiro, pero non só cega aos veciños da súa rúa, Reino Unido, senón que se observa desde varios puntos do barrio e da parroquia de Lérez e converteuse en todo un fenómeno social que atrae mesmo a visitantes doutras zonas de Pontevedra.
En pleno furor pola iluminación do Nadal de Vigo, e no medio dunha moda que incrementou o investimento en iluminación en todas as cidades, a súa casa nada ten que envexar a decorados de institucións e municipios. De feito, Marga González mesmo chancea coas comparacións e indica que a bóla inchable que estreou este ano "é como a noria de Vigo".
Esta novidosa bola Inclúe neve e luces dentro, Papá Noel incluído e entre toda a xente que se achega a gozar do espectáculo lumínico "é o que máis chama a atención". Tamén se deteñen moitos veciños atraídos pola música, pois moitas das luces inclúen melodías de Nadal. O espectáculo é completo e entre a multitude de veciños que se trasladan ata alí para velo hai quen xa a bautizou como "a casa Abel Caballero".
A pregunta sobre o fenómeno Abel Caballero que converteu ao alcalde de Vigo nun político viral coas súas luces do Nadal era, polo tanto, obrigada:
- "Picouse con el?
- Abel Caballero creo que se picou comigo, eu levo dez anos e el, dous. Ademais, no seu caso págao o concello e no meu págoo eu. E fago todo o traballo".
Descartado o pique con Abel Caballero, o que hai detrás desta iluminación que non deixa a ninguén indiferente é o mero afán de Maraga por gozar do Nadal. "Empecei porque me encanta o Nadal. Vía vídeos de Estados Unidos e cousas así e dixen: pois eu non vou ser menos". E non o é. É incalculable o número de luces que cobre a súa vivenda, o 95% delas led, e tamén a atracción que xera.
Cada ano acende as luces sobre o 8 de decembro e apágaas o 8 de xaneiro. Unha proba de que a súa iluminación converteuse xa nun fenómeno do Nadal pontevedrés é que este ano tardou en inaugurar a iluminación polos temporais e "todo o mundo estaba a preguntarme".
Cando por fin lle deu ao botón de ON o 15 de decembro, desatouse a paixón e non resulta raro ver xente diante da súa vivenda facendo fotos. Hai unha semana, sen ir máis lonxe, cando se dispoñía a apagalas ás oito da mañá, atopouse cunha chea de xente na rúa que lle pediu que non as apagase porque ían todos os anos e querían facer unhas fotos. Cando volveu iluminarse, dedicáronlle un gran aplauso.
Detrás desta iluminación hai moito traballo que debe facer de cero cada decembro. Empezou "pouquiño a pouco" e cada ano ten figuras novas. Ela soa asume toda a instalación, tanto das propias luces como de todo o traballo que hai detrás, pois para poder facer realidade o resultado "creo que teño case tanto diñeiro investido en prolongacións e enchufes como en luces".
O investimento en material non é capaz de calculala porque leva unha década facéndoa e cada ano debe repoñer lámpadas que se estragan, pero si computou o que supón de gasto en electricidade. Cada un dos dous meses -decembro e xaneiro-, a factura da luz sóbelle entre 50 e 60 euros fronte ao pago normal do resto do ano.
O espectáculo do Nadal pódese gozar a diario doce horas, entre as oito da tarde e as oito da mañá. Para facelo posible, ela acumulou moitas noites de traballo. Durante o día traballa fóra de casa, de modo que xa ao final da xornada, cando o resto da familia dorme, empeza coa súa rutina. Lévalle cada ano varias semanas, pero cre que o esforzo vale a pena. As súas fillas xa son maiores, pero toda a familia segue gozando da iluminación e repórtalle moitas boas críticas de amigos e descoñecidos.