Detido un mozo de Sanxenxo nun control de estrada cando transportaba medio quilo de marihuana
Por Redacción
A Garda Civil sorprendeu durante un control de estrada a un mozo que viaxaba nun turismo con medio quilo de marihuana e procedeu á súa detención como suposto autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de estupefacientes.
O mozo foi sorprendido nun control de estrada en Meaño durante a tarde do luns 30 de decembro. A USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá) da Garda Civil de Pontevedra establecera un punto de verificación selectiva de vehículos no quilómetro 7´700 da estrada PO-550 cando os axentes deron o alto ao turismo no que o logo detido viaxaba de acompañante.
Este mozo, de 25 anos e veciño de Sanxenxo, levaba escondida dentro do turismo unha bolsa de plástico que contiña 541 gramos de marihuana.
A Garda Civil concluíu que existían indicios racionais que predeterminaban a venda como o posible destino da droga e procedeu á detención do novo.
Unha vez instruídas as correspondentes dilixencias, o mozo quedou en liberdade coa obrigación de comparecer no Xulgado de Garda de Cambados, onde se fixo entrega da droga intervida.