Os Reis Magos farán o seu percorrido por Poio en coches eléctricos
Por Redacción
Melchor, Gaspar e Baltasar con todo o seu séquito amosan a súa sensibilidade co cambio climático e decidiron que este sábado farán o seu percorrido polo municipio de Poio en coches eléctricos para evitar emisións de combustible contaminante.
Desta forma, segundo avisa a Policía Local de Poio, este sábado 4 ás 16.00 horas arrincará a comitiva real desde a Casa Rosada para levar a cabo a visita a diferentes puntos.
Está previsto que ás 16.30, as súas Maxestades se acheguen ata a parroquia de San Salvador. Ás 17.00 horas chegarán ata Combarro onde farán unha parada na praza da Chousa. A continuación, os Reis Magos desprazaranse ata Samieira para finalmente recalar no porto de Raxó contorna ás 17.30 horas.
Está previsto que os tres Reis de Oriente reciban ao público infantil ao longo da tarde, desde as 17.40 horas, no Centro Cultural Xaime Illa, onde atenderán as peticións dos escolares para a noite máxica.