As obras da estación intermodal comezarán "despois de Reis"
Por Alejandro Espiño
Se 2019 foi, segundo Alfonso Rueda, un ano "histórico" para as infraestruturas de Pontevedra, 2020 continuará pola mesma senda. O vicepresidente galego anunciou que as obras de construción da estación intermodal comezarán "despois de Reis".
As obras, que executará a empresa Extraco, supoñerán un investimento de seis millóns de euros e, segundo o calendario que manexa a Xunta, estarán terminadas a finais de 2020.
Esta actuación supoñerá unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética da actual terminal de autobuses, ao incluír a renovación da fachada, da cuberta e dos seus interiores e a mellora das instalacións e dos sistemas de información.
A Xunta, a través desta reforma e da adecuación do complexo, creará unha área intermodal que conectará a central de autobuses coa estación de tren grazas a un itinerario peonil que se complementará cunha reordenación urbana de todo este ámbito.
Dentro deste compromiso investidor, Rueda lembrou que as obras do Gran Montecelo comezarán no segundo semestre de 2020 e nelas investiranse no próximos tres anos, sumados os 30 millóns do novo equipamento sanitario, ata 170 millóns.
Ademais, o vicepresidente galego avanzou que a futura senda peonil de Alba, para mellorar a seguridade na PO-225, "estará lista" para o Xacobeo 2021 e que este mesmo ano estará completa a reforma do edificio de Benito Corbal coa actuación dos espazos para a Universidade de Vigo e a Fundación Manuel Moldes.
Con respecto aos novos xulgados, Alfonso Rueda sinalou que o traslado se prevé completar en febreiro e que "inmediatamente despois" comezará a reforma do vello edificio da Parda que quedará para dependencias da Fiscalía e as unidades penais.
Rueda, por último, citou entre estes compromisos a mellora da depuradora e a construción do novo emisario submarino, proxectos nos que se investirán ata 29 millóns de euros e que, sumada á proxectada ampliación, alcanzarán os 50 millóns.