Comezan os trámites para mellorar o acceso peonil na contorna da Casa da Cultura de Marcón
Por Redacción
O Concello de Pontevedra iniciou os trámites para tentar fomentar o desprazamento a pé no núcleo de centralidade da parroquia de Marcón, nos arredores da Casa da Cultura. O concelleiro Alberto Oubiña explicaba este venres que se atenden as demandas do consello parroquial celebrado o 30 de decembro.
A proposta contempla a prohibición de circulación de coches no vial que conecta con Valadares e O Carrasco para que se converta en peonil coa posibilidade de que accedan unicamente vehículos agrícolas. Tamén está prevista a mellora do carreiro que conecta con Sabarís, un camiño tradicional que continúan utilizando residentes na zona e que tentarán que mellore as súas condicións.
Outra das demandas veciñais que se abordará atópase no Campo da Festa, que vai mellorarse cun tratamento duro. Os servizos técnicos estudarán que material é o máis adecuado para substituír a terra actual que permita a realización de diferentes actividades, apuntou Oubiña.
Desde o goberno local tamén se solicitará a mellora do vial da Deputación que coexiste co camiño do Carrasco e Valadares. Ademais, requirirase á Xunta de Galicia que mellore o aparcadoiro pavimentado situado baixo a Casa da Cultura, que presenta varias fochancas.