Rafa Domínguez lamenta o "desorbitado" aumento do custo dos parkings públicos
Por Redacción
Para o Partido Popular a subida no prezo dalgúns estacionamentos públicos da cidade é unha medida que "mingua a competitividade" de Pontevedra fronte a outras localidades. O seu portavoz, Rafa Domínguez, cualifica o incremento de "desorbitado".
Á falta de aparcamento, sinalou Domínguez, súmaselle o encarecemento das prazas en aparcadoiros subterráneos, algo que ao seu xuízo afectará "directamente" o funcionamento da cidade ao "dificultar aínda máis" o acceso dos visitantes.
Esta situación, que os populares suman ao "mal estado" dos estacionamentos disuasorios e gratuítos, "termina por provocar que a xente non veña á nosa cidade".
"É algo que se segue ignorando desde o Concello, o que o agrava aínda máis a situación", afirmou o líder dos populares, que denunciou o "deixamento" do goberno municipal sobre este asunto e a "negación" de que exista na cidade un problema de tráfico.
Ante esta situación, engade Rafa Domínguez, o Concello debe "ofrecer facilidades" a todas aquelas persoas que queren realizar as súas compras en Pontevedra, polo que reclama unha maior implicación do goberno municipal para mellorar os aparcamentos "e non só subir o seu prezo".