O Salón do Libro, protagonista do almanaque de mesa do Concello
Por Redacción & Cristina Saiz
Xa están dispoñibles os tradicionais almanaques de mesa que o Concello de Pontevedra edita cada ano. Pódense retirar de xeito totalmente gratuíto nas dependencias municipais da rúa Michelena e, nesta ocasión, todo o protagonismo é para o Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
O goberno municipal apostou esta vez por poñer en valor a ilustración gañadora e as doce finalistas do III Premio Internacional de Ilustración convocado polo Salón do Libro e GÁLIX e darlle polo tanto visibilidade á profesión e, como non, ao propio evento cultural.
A peza gañadora, cartel do salón e portada do almanaque, pertence á venezolana afincada en Pontevedra, Susana Suniaga, ex alumna do mestrado de Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da facultade de Belas Artes.
Os doce orixinais finalistas que formarán parte do almanaque do salón pertencen a Sofía Venzel (Rusia) e Bea Gregores (Galicia), o pontevedrés Fernando Tomé Castro, ex alumno da escola Garaxe Hermético, Francisco Pérez Villanueva (Galicia), Kim Amate (Cataluña), Andrés Cañal (Cataluña), Florencia Rodríguez (Arxentina), Paula Ventimiglia (Arxentina), Anna Font (Cataluña) e Bea Lozano (Salamanca).
A parte traseira do mesmo conta cunha pequena biografía onde se pode coñecer un pouco máis de cada un destes autores e autoras.
Este importante evento para a cidade, que chega en 2020 á súa XXI edición, terá lugar entre o 6 e o 27 de marzo con Italia como país convidado e o humor como protagonista.
Este feito fai que cada mes conte cunha imaxe particularmente divertida e chea de cor, ao versar sobre esta temática.
Relacionadas:
-
Con moito humor e máis amor pola literatura: xa está aquí o Salón do Libro
Por Roberto Alonso Pereira & Redacción |
-
O Salón do Libro implicará este ano a todos os colexios de Pontevedra e ábrese ás novas tecnoloxías
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Orbil divírtese na Escola Infantil Bicos
Por Boris Rodríguez Pintos |