Ponte Caldelas renova o acordo con Protección Civil de Redondela para atender o seu municipio
Por Redacción
Os voluntarios da agrupación de Protección Civil de Redondela seguirán velando pola seguridade nos eventos que se celebren en Ponte Caldelas durante o ano 2020.
Así se recolle no convenio entre o Concello de Ponte Caldelas e Protección Civil que vén de ser renovado. A subvención é de 8.000 euros anuais.
Durante o ano 2019 acudiron a diversas festas e eventos que se celebraron na vila: Entroido de Verán, Festa da Troita, Festas das Dores, concertos, tractorada, xuntanza cabalar e moitos outros eventos sociais e deportivos que se desenvolveron a nivel municipal e así seguirá acontecendo ao longo do ano 2020.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, destacou a labor que levan a cabo os voluntarios de Protección Civil, unha agrupación que complementa as funcións da Policía Local e que sempre está disposta a colaborar para previr incidentes nos moitos eventos que se celebran no municipio do Verdugo.