Dá positivo tras bater co seu coche contra un muro en Cuntis
Por Redacción
A véspera de Reyes comezou accidentada en Cuntis. Un home de 35 anos resultou ferido tras perder o control do seu coche e chocar contra un muro.
O accidente, segundo confirmou o Concello de Cuntis, produciuse preto das seis da madrugada e o condutor deu positivo na proba de alcoholemia.
O aparatoso sinistro, que mobilizou á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil de Cuntis e ao GES da Estrada, foi na estrada PO-220, no centro urbano de Cuntis.
O coche, tras saír da estrada, acabou chocando contra un muro. Fíxoo con tanta forza que derrubou boa parte da construción.
Ademais, traballadores da empresa do gas tiveron que acudir ao lugar porque o accidente danou as conducións do servizo e rexistrouse un pequeno escape de gas que, ante a rápida intervención, non produciu ningunha incidencia a maiores.