Un condutor de Caldas ponse en perigo para lograr deter un condutor kakimaze en Ourense
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Ourense realizou este martes un recoñecemento público a un condutor veciño de Caldas de Reis pola súa intervención na madrugada do domingo 5 de xaneiro na autovía A-52 ao seu paso pola localidade ourensá da Gudiña.
Trátase dun condutor profesional que deixara o camión en Benavente e dirixíase co seu turismo ao seu domicilio en Caldas pola autovía A-52. Ten 35 anos e responde ás iniciais J.A.T.F..
O home circulaba pola A-52 cando observou que un turismo circulaba en sentido contrario pola calzada de sentido a Benavente. Nun primeiro momento, tentou avisar ao condutor kamikaze circulando en paralelo ao vehículo infractor facéndolle constantes cambios de luces.
Ao ver que non se daba por aludido ou que non comprendía o que quería indicarlle, decidiu adiantarse e estacionar o seu vehículo nun lugar adecuado para non crear risco aos demais condutores. A pesar de que era de noite e había moita néboa e escasa visibilidade, vestiu o seu chaleco reflector, colleu unha pequena lanterna e cruzou os dous carrís da calzada e a mediana, accedendo á outra calzada, co fin de indicar aos demais condutores que se detivesen.
Finalmente, logrou deter ao condutor que circulaba en sentido contrario. Era un ancián de 88 anos de idade que por erro incorporouse á autovía a contrasentido, segundo confirmou a Garda Civil.
A Garda Civil de Ourense propuxo que o condutor sexa proposto para un recoñecemento de aptitudes psicofísicas extraordinario e destaca a "heroica acción" do condutor, que logrou detelo na autovía e avisar do perigo ao resto dos usuarios da mesma, dadop que "puxo en perigo a súa propia integridade física, para salvagardar a dos demais".
O Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense quere destacar e recoñecer este tipo de condutas solidarias co resto de condutores, á vez que se fai un chamamento á prudencia en caso de verse na necesidade de actuar de forma similar, tendo en conta que as actuacións a pé firme nas estradas son moi perigosas para quen as executa.