Lucía Pérez e Isi, estrelas este venres 10 da Gala Benéfica Síndrome de Down Xuntos
Por Redacción
A asociación Down Pontevedra Xuntos celebrará este venres 10 de xaneiro a vixésimo terceira edición da súa Gala Benéfica coa intervención dunha ducia de artistas. O evento desenvolverase a partir das 20.30 horas no auditorio do Pazo da Cultura.
Ángel Barry volve dirixir musicalmente este evento solidario que recada fondos destinados ao financiamento de programas diarios de Xuntos. Unha vez máis se darán cita intérpretes e músicos do panorama galego.
Nesta ocasión, as estrelas da gala será a cantante lucense Lucía Pérez, o humorista Isi e a cantante Tania Fuegho, os tres coñecidos pola súa longa traxectoria profesional e pola súa presenza habitual en programas da Televisión de Galicia.
Ademais tamén participarán no evento a cantante Marietta, o artista polifacético Christian; o cantautor especializado en bachata Guillermo Castro; a pianista Andrea G. González; os bailaríns Luizinho Astral e Jane Zouk; ademais do batería Ángel Fernández; a compañía teatral Axouxere e Ulises e o seu grupo de baile. Ademais, non se descartan actuacións sorpresa.
As entradas anticipadas poden adquirirse na Perfumería Tito de La Peña, na Rúa Oliva 24, ou no local da Asociación, situado na Rúa do Gorgullón 41. O mesmo día do evento poderanse comprar na billeteira do auditorio. O prezo é de 8 euros para os adultos e de 5 euros para os nenos menores de 12 anos, ata completar aforo.