O Concello de Marín anuncia a próxima humanización da Rúa Camiño Vello de Seixo
Por Redacción
O Goberno local do Concello de Marín anunciou que ten previsto acometer neste ano 2020 a humanización da Rúa Camiño Vello, na parroquia de Seixo.
O proxecto de humanización afectará ao tramo comprendido entre a rúa Doctor Otero Ulloa (estrada PO-551) e o cruce coa estrada do Grupo Escolar de Seixo, de tal maneira que esta mellora da contorna suporá unha continuidade da actuación que xa se realizou desde este cruce ate a estrada provincial EP-1202.
As razóns para acometer esta obra son evidentes. Por unha banda, o actual deseño da rúa provoca conflitos cando dous vehículos se cruzan e hai outros estacionados, xa que a amplitude do viario non permite o paso simultáneo de ambos coches.
O problema é similar no caso das beirarrúas, cuxa anchura actual, de entre 1.60 e 1.68 metros, non é dabondo para a comodidade dos peóns. Ademais, o deterioro do pavimento supón incluso un perigo polas posibles caídas e tropezos, polo que é inminente a súa reparación.
Por outra banda, os servizos de abastecemento atópanse en "moi mal estado de conservación", xerando incluso problemas á veciñanza polas roturas e avarías que se xeran consecuencia desta situación.
Así, con esta actuación preténdense corrixir estas medidas, aumentando as beirrarúas ata uns 2.50 metros (dependendo nalgúns puntos das fachadas dos edificios anexos). No que respecta á calzada, quedará un carril de 3.50 metros de amplitude, de único sentido desde a Rúa Doutor Ulloa ata o Mercado.
Para o estacionamento, deixarase á beira de toda a marxe dereita do viario un espazo de máis de 2 metros. Asemade, eliminarase a illa existente no inicio do tramo, fronte á Igrexa Evanxélica, para poder ampliar nese punto tamén as beirarrúas, incorporando un paso de peóns.
MELLORA DE SERVIZOS
Con esta actuación non só se humanizará o aspecto estético do viario e se reordenará o tráfico, para evitar problemas de espazo, senón que tamén se renovarán os servizos de saneamento de augas pluviais, residuais e de abastecemento.
Segundo se pode ler na memoria do proxecto, estas redes, xa moi antigas, presentaban "graves deterioracións" e "problemas de funcionamento constantes", que producían frecuentes roturas, "coas repercusións que isto supón para a veciñanza desta rúa".
Finalmente, o proxecto da Rúa Camiño Vello incorpora a renovación total do alumeado deste tramo, que será do mesmo modelo que existe no outro tramo anexo e que cumprirá cos criterios de eficiencia enerxética.
Por outra banda, retirarase o poste co cableado aéreo da compañía de telecomunicacións Telefónica de España, que está situado na marxe dereita da esquina entre Camiño Vello e Estrada O Grupo Escolar.
PRAZOS E FINANCIAMENTO
O proxecto terá un prazo de execución de catro meses, a contar desde o momento que se adxudiquen os traballos.
O presuposto global da actuación ascende a 499.748 euros. O Concello ten pensado solicitar á Deputación de Pontevedra unha subvención para este fin, ao abeiro do Plan Concellos 2020.
Relacionadas:
-
O PSOE considera que a obra no entorno da praza de Seixo é "unha oportunidade perdida"
Por Redacción |
-
Cortan o tráfico en parte de Seixo para executar a humanización da Rúa Camiño Vello
Por Redacción |
-
O Concello de Marín adxudica case 375.000 euros para o proxecto de humanización da Rúa Camiño Vello de Seixo
Por Redacción |
-
Marín avanza na mellora urbanística de Inferniño e o mercado de Seixo coa apertura do proceso de expropiación
Por Redacción |
-
Marín recibe medio millón de euros da Deputación para humanizar o Camiño Vello de Seixo
Por Redacción |