Poio cambiará a denominación de rúas e espazos públicos con nomes vencellados ao franquismo
Por Redacción
O Concello de Poio aposta polo consenso veciñal para levar a cabo o cambio de denominación de rúas que na actualidade teñen nomes de persoas vencelladas a réxime franquista.
Un dos primeiros espazos no que se pretende actuar neste sentido é en Francisco Regalado, unha das rúas máis importantes de Combarro, que une a PO-308 e a contorna da Praza da Chousa e co porto da Canteira. Esta modificación farase efectiva "atendendo a criterios de hixiene democrática", tal e como explica a concelleira do departamento de Memoria Histórica, Marga Caldas.
Deste xeito, a intención do Goberno local é iniciar unha quenda de reunións con diferentes colectivos e agrupacións locais vencelladas coa memoria histórica, para coñecer as súas propostas.
Ademais, Caldas entende que é preciso implicar a toda a Corporación neste tema, xa que "é un esforzo que debemos facer de xeito conxunto para eliminar calquera vestixio da dictadura no menor tempo posible". Caldas Moreira confía en que esta proposta poida ser levada a Pleno na sesión ordinaria no vindeiro mes de febreiro.
Esta medida non só afectará a Francisco Regalado, senón tamén a outros emprazamentos da vila. O Concello de Poio cre que a actual Lei da Memoria Histórica "non garante por completo a hixiene democrática, polo que cómpre establecer criterios que se identifiquen co sentir da tradición e a cultura propia", afirma Marga Caldas.
Para iso, ademais de analizar as propostas que xordan nos encontros cos colectivos, o Goberno local tamén terá en conta outros criterios, como a posibilidade de utilizar o nome dalgún persoeiro vencellado "á nosa realidade local e galega", apunta Marga Caldas.
Por outra banda, búscase eliminar os nomes que no seu día foron impostos para "premiar" ou "agradecer" aqueles "supostos favores feitos por cargos de goberno cara unha determinada localidade".
Neste ámbito incluiríanse os honores e distincións cara a Franco ou ministros da ditadura (como foi, precisamente, Francisco Regalado, responsable de Marina entre 1945 e 1951), así como Medallas de Ouro, Títulos de Fillos Adoptivos ou Predilectos, Alcaldes de Honra... "Cómpre eliminar todos estes vestixios do franquismo por ir en contra dos valores democráticos", conclúe a concelleira de Memoria Histórica.
Por último, o Concello quere corrixir unha tendencia discriminatoria cara a muller neste tipo de homenaxes, xa que a inmensa maioría de nomes de espazos públicos e rúas son de homes. "Queremos honrar a aquelas mulleres e veciñas vencelladas coa vila e con Galicia", finaliza Marga Caldas.