A rotura dunha tubaxe na rúa Peregrina provoca graves danos en establecementos do centro da cidade
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Minutos antes das 04.00 horas da madrugada deste xoves unha tubaxe da rúa Peregrina rebentaba e a auga e o lodo remataba afectando a varios establecementos da contorna.
A concelleira responsable da área Carme da Silva informaba de que un veciño alertara desta incidencia á Policía Local. En breve prazo de tempo, a empresa Viaqua, adxudicataria do ciclo de auga, cortaba a subministración pola canle afectada.
Trátase dunha canalización antiga de fibrocemento de 250 mm., que se atopaban a metro e medio de profundidade, explicaba Da Silva, que cando levou a cabo a reforma da rúa Peregrina non se cambiou porque os servizos municipais non o consideraron necesario.
Ao longo da mañá, os operarios de Viaqua e os técnicos municipais avaliaban os danos e desviábase a auga a través doutras canles, polo que non se viu afectado a subministración nas vivendas e negocios da contorna. A concelleira sinalaba que espera que ao longo da xornada deste venres se resolvan os principais danos e despois vai estudarse que tramo da avaría terá que substituírse.
DANOS EN ESTABLECEMENTOS
A Librería Paz sufriu os danos máis graves. A auga con barro entrou ata o fondo do establecemento esnaquizando numeroso material e causando importantes perdas económicas aínda por avaliar. "Non nos avisou ninguén. A autoridade parece que está para outras cousas", afirmaba Anxo Cano Paz.
O propietario da librería explicaba que se os axentes da Policía Local avisáronlle cando se rexistrou a avaría podería diminuír as perdas en material: "empezariamos a levantar libros. Atrás, cando chegamos, xa estaban todos os libros empapados".
Con todo, Cano Paz decatábase da situación ao redor das 09.00 horas a través dun amigo que lle avisaba. Ao longo da mañá, os catro traballadores da librería pechaban as portas ao público e tentaban facer limpeza nas instalacións. Cos expositores estragados encheron dous contedores de lixo e os libros situados na parte de atrás, na zona de cómics, estaban moi afectados pola inundación, onde a primeiras horas da mañá a auga chegaba ata os nocellos.
Cano Paz sinalaba que en 1999 sufriran a rotura do escaparate porque un coche impactara contra a fachada, no 2009 tamén rompera un cano fronte á Cafetería Central que lles afectaba e agora, unhas semanas despois de 2019, volveron a sufrir importantes danos por culpa desta rotura. "Cousas destas ninguén as pode prever", afirma o libreiro que non prevé abrir o establecemento ata o vindeiro luns.
En Kiddy's Class a auga entraba pola porta de emerxencia, pero apenas causaba danos no interior. Con todo, ao seu lado, en Eneska, unha tenda de roupa que se atopa en liquidación, si que se rexistraron danos no material en plena época de rebaixas.
A empregada Ángela Menéndez explicaba que cando chegaron estaba todo cheo de lodo e de auga. Toda a roupa que tiñan en caixas e en bolsas estragóuselles, ademais de sufrir danos nas baldas, cristais rotos, o rodapié levantado e danos por baixo da estrutura do escaparate. A tenda ten un desnivel cara á parte de atrás e, segundo explicaba, esa zona "parecía unha piscina".
A concelleira Carme da Silva indicou que dos gastos da reparación dos danos causados por esta incidencia ocuparanse os seguros de Viaqua e dos establecementos comerciais afectados.
Relacionadas:
-
A rotura dunha tubaxe asolaga varios pisos e unha oficina bancaria en Loureiro Crespo
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A Libraría Paz retoma a actividade no seu particular "annus horribilis"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Libraría Paz volve á actividade tras o asolagamento e o sábado contará coa presenza de Méndez Ferrín
Por Redacción |