Denuncian que a Deputación "atenta" contra o arborado na sinalización de sendeiros
Por Redacción
A agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro de Bueu emitiu un comunicado para denunciar que na recente visita que realizaron á zona da Lama na contorna do río Xesta, nunha zona onde se atopan as mellores carballeiras da provincia, comprobaron que no novo roteiro establecido pola Deputación de Pontevedra, os paseantes comprobaron a presenza de frechas de cor amarela suxeitas aos carballos con dous parafusos.
Ao longo do carreiro comprobaron que tamén se realizou a mesma práctica na instalación de indicacións en bidueiros e acivros. Para os integrantes de Liboreiro esta acción é un "atentado" contra as árbores ao entender que estes ocos facilitan a entrada de axentes patóxenos como fungos nas distintas especies.
Ante esta situación, solicitan á Deputación de Pontevedra que modifique estas sinalizacións do carreiro e que atenda aos criterios establecidos na normativa europea para a localización e soporte dos sinais. Reclaman que se actúe de maneira máis eficiente e menos agresiva sobre o arboledo.
Piden tamén que os buracos creados queden selados en perfectas condicións despois de retirar os parafusos co obxectivo de evitar que se cause máis dano a estas árbores.