PortAmérica anima a participar nunha xornada de reforestación do Monte Xiabre
Por Redacción
Unha vez máis os asistentes a PortAmérica poden converter a súa entrada ao Festival nunha árbore asistindo á segunda xornada de reforestación que terá lugar o vindeiro sábado 18 de xaneiro no Monte Xiabre de Caldas de Reis.
A segunda entrega da iniciativa "Unha entrada, unha árbore 2020" chega tras o éxito dunha primeira edición na que participaron máis de 400 persoas entre asistentes "portamericanos", veciños da zona e voluntarios para realizar unha plantación forestal de 2.500 árbores.
Segundo os organizadores a iniciativa ten tres propósitos: compensar as emisións xeradas pola celebración da edición 2019 do festival, axudar a recuperar os terreos queimados nos incendios de 2017 e crear unha devasa natural con especies frondosas que evitará a propagación dos incendios.
Como novidade, a maior diversidade de especies autóctonas a plantar: 1.840 pés de avellano, acivro, bidueiro, carballo, castiñeiro, cerdeira, madroño, freixo, arce e sobreira.
Trátase dunha actividade que gusta ata aos máis pequenos e na que como guinda os participantes poderán poñerlle nome á súa árbore.
Esta iniciativa, así como o vaso sementeiro Estrela Galicia, situaron a PortAmérica entre os seis Festivais máis sustentables de Europa nos European Festival Awards, nos que é finalista xunto a outros cinco afincados en Noruega, Dinamarca, Suíza, Francia e Romanía.