Convocan unha "batucada raposa" para boicotear un campionato de caza de raposos
Por Oskar Viéitez
A Asociación Animalista Libera anima á cidadanía para participar este sábado nunha "batucada raposa" coincidindo co desenvolvemento dun campionato de caza de raposos en montes de Poio, Barro e Moraña.
Segundo indicou Libera, a convocatoria deste campionato "foi cuasisecreta" e segue os mesmos criterios que anteriores edicións "para evitar a resposta social maioritaria contra estas atrocidades disfrazadas de competicións deportivas, tratará de xustificarse por supostas sobrepoboacións de raposos ou en presuntos estudos que ninguén viu xamais, pois estas macrobatidas realízanse sen estudo científico previo".
A asociación animalista criticou que esta actividade vaia a desenvolverse sen informar sequera aos municipios "afectados". Apuntan que nos concellos de Barro e Poio non dispoñen de documentación algunha sobre plans de prevención de riscos para calquera persoa que quixese achegarse aos montes da comarca para practicar exercicio, recoller cogomelos ou simplemente gozar da Natureza.
Tamén lamentan que o "segredo" vulnera a Lei de Emerxencias de Galicia e o seu artigo 4 sobre "Dereito á protección e información e obrigacións das administracións públicas" que obriga á administración para informar á cidadanía "dos riscos que poidan afectarlles e das consecuencias dos mesmos que sexan previsibles" e, segundo Libera, "unha batida con decenas de cazadores é, como pouco, un risco que debería dispoñer de continxencias difundidas con antelación".
Os animalistas xa preparan iniciativas en diferentes institucións parlamentarias e animan á cidadanía para participar nunha "Batucada raposa" que terá lugar este mesmo sábado no termo municipal de Moraña, "onde supostamente finalizaría o campionato cinexético e realizaríanse tanto o reconto como a paparota".