Este luns 13 ábrese o prazo para apuntarse aos roteiros guiados para observar aves nas Rías Baixas
Por Redacción
Por terceiro ano consecutivo, as Rías Baixas acollerán o programa 'Voando nas Rías Baixas', un proxecto que de forma gratuíta permite observar a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra.
Este venres, Carmela Silva, presidenta da Deputación; Iria Lamas, deputada de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica e o coordinador de SEO Birdlife na provincia, Gustavo Ferreiro presentaban estas actividades que se desenvolven dentro das propostas da Deputación de Pontevedra de desestacionalizar o destino turístico da provincia.
Desenvolveranse durante 2020 cinco roteiros cun máximo de 25 participantes, de forma que estes grupos de poucas persoas realicen os avistamentos respectando os hábitats e ás aves.
A primeira das excursións está prevista para o 26 de xaneiro na enseada de San Simón, unha zona protexida pola Rede Natura 2000. Observaranse aves acuáticas e mariñas. O prazo para apuntarse ábrese este luns 13 de xaneiro e finalizará o mércores 22.
O 16 de febreiro levará a cabo o roteiro polo Complexo Intermareal Umia-O Grove, unha zona declarada humidal de importancia internacional e a reserva ornitolóxica máis grande de España. Neste caso poderanse observar aves acuáticas invernantes. O prazo de inscrición estará aberto entre o 3 ao 12 de febreiro.
O 8 de marzo a visita será ao Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, zonas con gran variedade de aves palustres. As persoas interesadas poderanse apuntar entre o 24 de febreiro e o 4 de marzo.
A cuarta excursión desenvolverase o 31 de maio nas Brañas de Xestoso, onde se concentran aves rapaces como o aguia culebrera. O prazo para inscribirse irá do 18 ao 27 de maio.
O último roteiro realizarase á Serra do Suído o 21 de xuño para observar a grandes aves rapaces como o voitre leonado ou o aguia calzada. As datas para apuntarse sitúanse entre o 8 e o 17 de xuño.
Para inscribirse deberá cubrirse o formulario habilitado na páxina web da Deputación.