Un punto limpo móbil percorrerá todas as parroquias de Poio para recoller mobles, lámpadas e electrodomésticos
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A veciñanza de Poio poderá beneficiarse a partir da próxima semana dun Punto Limpo Móbil que lle permitirá desfacerse de mobles, lámpadas, electrodomésticos e, en xeral, de todos os residuos non voluminosos que, polas súas características, requiran dun tratamento diferenciado.
As concelleiras de Obras e Servizos e de Participación Veciñal, Chelo Besada e Silvia Díaz, e o alcalde, Luciano Sobral, presentaron este venres o novo servizo, que se porá en funcionamento o martes 14 de xaneiro na parroquia de San Xoán. Será algo temporal, ata que se instale o punto limpo fixo.
A estrea será na contorna do Parque da Memoria, no aparcamento da Reiboa. O Punto Limpo estará operativo entre as 10.00 e as 14.00 horas para que a veciñanza deixe mobles, madeiras, chatarra, metais, aparellos eléctricos, cartón, papel, vidro, plásticos (que non sexan envases), roupa, calzado, lámpadas, fluorescentes, baterías, e pilas, cartuchos de impresoras e restos vexetais.
Luis Guede, xerente de Valoriza, empresa concesionaria de recollida de RSU, e o enxeñeiro municipal, Díaz e Besada, tamén participaron na presentación deste novo servizo e fixeron fincapé na importancia de que Poio conte cun emprazamento no que a veciñanza poida reciclar estes residuos.
Para poder facer uso da instalación, deberán presentar o seu DNI. Ademais, non está permitida a utilización do Punto Limpo Móbil a empresas que pretendan depositar residuos procedentes das súas actividades.
O punto limpo contará con persoal que dará asesoramento sobre o xeito correcto de separar e depositar os residuos, información que está tamén dispoñible na web municipal. Os residuos voluminosos e os enseres de gran tamaño seguirán recolléndose baixo demanda, previa cita no teléfono 986 771 185 e no punto limpo móbil tampouco se poderá depositar lixo orgánico, residuos de carácter industrial, agrícola ou gandeiro, neumáticos, restos farmacéuticos ou de obras e aqueles que sexan perigosos e non estean admitidos de xeito expreso.
Silvia Diaz insistiu na necesaria implicación da cidadanía para avanzar cara á erradicación dos verteduras incontroladas de lixo que degradan o entorno, así como para avanzar no respecto medioambiental.
Durante os vindeiros meses, cada semana irase trasladando polas cinco parroquias do concello. En xaneiro estará operativo en San Xoán entre os días 14 e 16. Posteriormente, trasladarase a Combarro (á avenida de Chancelas) para ficar alí do 21 ao 23. En Samieira, o emprazamento elixido é a Praza Alfredo Romay Besada (28 e 29). A Rúa Leopoldo Nóvoa de Raxó será o último emprazamento deste mes.
A San Salvador o Punto Limpo Móbil chegará o día 4 de febreiro (ata o 6) e ubicarase no parque de Costa Xiráldez, en Lourido.
Ata xuño, a orde semanal por parroquias manterase. Deste xeito, a primeira semana de cada mes corresponderá a San Salvador, a segunda a San Xoán, a terceira a Combarro, a cuarta a Samieira e a quinta a Raxó, atendendo a densidade de poboación.
CRÍTICAS DO PP
O PP de Poio a través do seu concelleiro en materia de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, denuncian que a empresa ten a obriga por contrato de construir un punto limpio fixo en Poio que xa tiña que estar construído hai 4 anos. Sinalan que "agora anuncian un punto limpio móbil que xa anunciaran en 2017 para enganar os veciños".