A Policía Local de Poio, coa vista posta nunha nova ampliación de persoal
Por Redacción
A Policía Local de Poio ten xa a vista posta nunha nova ampliación de persoal. Este venres, a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, e o alcalde, Luciano Sobral, realizaron unha recepción formal a dúas novas persoas recentemente incorporadas ao Corpo e agora xa todo está listo para que en marzo sexan dúas prazas máis.
A aspiración municipal é contar con dous novos axentes no corpo de seguridade que dirixe Antonio Duarte antes da vindeira primavera. En concreto, o proceso podería completarse o vindeiro mes de marzo.
Marga Caldas aproveitou a recepción ás dúas das últimas incorporacións do corpo de seguridade municipal para explicar que o método para cubrir esas dúas prazas será a través de mobilidade. Hai dous factores que incluíron decisivamente á hora de decantarse por esta opción: garante a chegada de profesionais con experiencia, xa que se teñen en conta os méritos de cada axente; e é un proceso moito máis áxil que sacar praza para funcionarios.
"Os tempos son sensiblemente inferiores", explicou a responsable de Seguridade Cidadá, que tamén asegurou que cada vez son máis os profesionais que amosan o seu interese por conseguir praza na Policía Local de Poio, o que demostra, na súa opinión que "estamos facendo ben as cousas”.
En canto ás últimas incorporacións, un axente asume unha praza de funcionario unha vez finalizado o período previo de prácticas e unha axente foi recibido formalmente este venres aínda que xa levaba desenvolvendo o seu labor en Poio desde o pasado mes de maio, tras acceder a través dunha praza de mobilidade.
Marga Caldas destacou este venres o "importante labor" da Policía Local, un "referente" no que a actuación se refire, como o demostra o recoñecemento outorgado hai apenas uns meses pola Asociación de Xefes de Corpo e Mandos de Policía Local de Galicia, así como a Unión Nacional de Xefes e Directivos de Policía Local que agradece as "boas prácticas" do corpo.
Relacionadas:
-
A Policía Local de Poio recibirá formación para actuar en casos de violencia machista
Por Redacción |
-
Operativo especial de tráfico con motivo das festas en Combarro
Por Redacción |
-
A plantilla da Policía Local de Poio reforzarase con dúas novas prazas
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio reforza persoal durante o verán para garantir a atención á seguridade e o tráfico
Por Natalia Puga |