Así son as vistas desde o novo camión escaleira de 45 metros dos bombeiros
Por Cristina Saiz
O Concello de Pontevedra vén de recibir o novo camión grúa para o Servizo de extinción de incendios que foi presentado esta este venres no parque de bombeiros da cidade.
Trátase dun vehículo cun custe de 829.000 euros que foi adxudicado hai 10 meses e entregado a primeiros de ano, xa que tivo que realizarse por pezas. Segundo explicou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na visita ao parque acompañado da concelleira responsable de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, "incorpora a última tecnoloxía para o rescate e incendios en altura". De feito, só hai outros dous camións como este en toda Galicia, recentemente adquiridos polos parques de Vigo e Coruña.
É un camión cun radio de actuación de 360 graos, cun brazo articulado de 45 metros de altura e que pode actuar a 27 metros en horizontal. Pode sofocar incendios nunha rúa e tamén na oposta sen ter que precisar de asistencia persoal xa que ten un sistema de abastecemento de auga autónomo cunha potencia de 3.800 litros por minuto.
A cesta que compaña ao brazo articulado permite rescatar padiolas, cadeiras de rodas, ten catro tomas de osíxeno, a posibilidade de conectar unha radial para facer cortes de materiais a 45 metros de alta.
A cesta dispón de todas as medidas de seguridade para que os profesionais traballen nas mellores condicións.
Os bombeiros da cidade recibirán formación específica a partir da vindeira semana para o uso deste vehículo. A formación impartiraa a propia empresa.
O parque de bombeiros de Pontevedra dispón na actualidade de 7 camións e 14 vehículos, pero esta nova adquisición "será un antes e un despois na atención das emerxencias. É o máximo ao que podemos aspirar", explicaba o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na súa visita.