Anticiclón antes doutra semana de chuvias nas Rías Baixas
Por Redacción
As Rías Baixas continúan este sábado 11 baixo a influencia anticiclónica. Os ceos permanecerán pouco nubrados con intervalos de nubes altos. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas non experimentan cambios significativos situándose entre os 2 e os 16 graos. O vento soprará frouxo de compoñente sur, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia.
Ao longo do domingo 12, Galicia quedará nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións coa proximidade dunha fronte estacionaria ao noroeste. Ante esta situación espéranse ceos pouco nubrados con algunhas nubes de tipo alto na provincia de Pontevedra. As temperaturas mínimas ascenderán, mentres que as máximas manteranse sen cambios importantes oscilando entre os 7 e os 13 graos. Os ventos continuarán de compoñente sur, frouxos en xeral e moderados no litoral.
A partir do luns na zona oeste da comunidade situarase unha fronte con choivas débiles. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente e as máximas seguirán sen cambios ou con lixeiros descensos para situarse entre os 7 e os 11 graos. Os ventos soprarán do suroeste, moderados no interior e fortes na costa.
Diurante toda a semana, Galicia manterase nun réxime de ventos do suroeste, con alta probabilidade de precipitacións. As temperaturas estableceranse entre os 9 e os 14 graos.