Pontevedra, a cidade galega onde máis aumentou o turismo durante 2019
Por Redacción
120.000 turistas visitaron a cidade de Pontevedra durante os once primeiros meses de 2019, unha cifra que supón un ascenso do 13,6% de presenza turística. Desta forma, a cidade do Lérez converteuse na urbe galega cun incremento maior durante o pasado ano.
Rexistráronse máis de 250.000 pernoitas cun incremento de turistas internacionais superior ao 30%. Son datos ofrecidos pola directora xeral de Turismo Nava Castro, que este sábado visitaba a oficina turística que a Xunta de Galicia xestiona en Pontevedra.
A falta dos datos do mes de decembro e á espera das cifras que ofreza o Instituto Nacional de Estatística (INE), Pontevedra converteuse no destino no que máis se desestacionalizou a oferta turística. Os crecementos máis notables, segundo a Xunta, rexistráronse nos meses de abril, setembro e novembro, ademais de nos meses de verán, cunha subida dun 25% na demanda turística.
Nava Castro, acompañada polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, anunciou que neste 2020 se reforzará a oferta de formación práctica de fronte ao Xacobeo 2021. Este ano ofertaranse 14 bolsas de formación a través da convocatoria que se resolverá antes de maio.
A directora xeral de Turismo tamén anunciou que se mellorarán os sistemas de comunicación nas oficinas turísticas a persoas xordas, que recibirán datos a través de pantallas nas que se transmitirá información empregando linguaxe de signos.
Relacionadas:
-
Analizan as posibilidades culturais e turísticas dos faros de Ons e Tambo
Por Redacción |
-
"Espectacular" incremento do turismo en Pontevedra durante a ponte da constitución
Por Redacción |
-
O Concello promoverá visitas guiadas para formar ao persoal das recepcións dos hoteis de Pontevedra
Por Redacción |