Un atropelo mortal na autoestrada provoca importantes retencións á altura de Poio
Por Redacción
Unha persoa perdía a vida ao ser atropelada por un turismo na autoestrada AP-9 ao seu paso por Pontevedra.
O suceso rexistrábase, segundo os servizos de Emerxencias do 112, ao redor das 19.35 horas deste sábado 11. Un vehículo impactaba contra a persoa no quilómetro 130,3 da autoestrada en dirección a Vigo, nun tramo situado entre a ponte da Barca e a conexión de entrada á autoestrada desde Lourido.
Os axentes da Garda Civil de Tráfico someteron o condutor a un control de alcoholemia e de drogas ofrecendo resultado negativo. Polo momento, a vítima aínda está pendente de identificación e investíganse as causas polas que atravesaba a autoestrada, entre as que non se descarta un posible suicidio.
Como consecuencia do brutal atropelo, outros vehículos tentando evitar á vítima chocaron entre eles na contorna sen que se rexistrasen feridos de gravidade. A situación provocou importantes retencións de tráfico en todo ese tramo.
Axentes da Garda Civil de Tráfico atópanse na zona tentando coordinar a circulación.