Comezan na estación de autobuses as obras do complexo intermodal de Pontevedra
Por Redacción
Este luns 13 iniciáronse as obras que a consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta vai acometer para crear o complexo intermodal de Pontevedra.
Os traballos comezaron co acondicionamento do edificio da terminal de autobuses, que supoñerá unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética das instalacións.
A reforma deste edificio supoñerá un cambio de cara. Centrarase na cuberta, nos interiores e na fachada, segundo expoñen desde a Xunta; e ademais retocaranse os interiores e melloraranse os sistemas de información.
O obxectivo destes traballos é lograr a intermodalidade entre a terminal de autobuses e a estación de ferrocarril. A conexión entres as dúas estacións será sinxela e segura para os peóns grazas a un itinerario de paso que se complementará cunha reordenación urbana da fronte da estación, mellorando a seguridade viaria e recuperar un espazo público para a cidadanía.
Eliminaranse os actuais accesos de autobuses grazas á creación dunha entrada directa desde a rúa Josefina Arruti. Nesta zona instalaranse semáforos regulados a demanda e carrís de espera.
Dentro do proxecto da Xunta, quérese poñer en valor a contorna do río Gafos, que se recuperará cun novo espazo ao rexenerarse unha zona que bordea á estación de autobuses. Construirase unha pasarela de madeira que permita pasear por ese espazo.
O investimento desta obra é superior aos 6 millóns de euros. A Xunta achega o 75%, máis de 4,6 millóns, mentres que o resto é investimento municipal, grazas a un convenio asinado entre o Concello e a administración autonómica.
Relacionadas:
-
Pingueiras e charcos desbordan a estación de autobuses: "aquí deberíamos entrar con casco"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Xunta retoma as obras da estación intermodal de trens e autobuses en Pontevedra
Por Redacción |
-
A estación intermodal estará operativa para recibir a avalancha de pasaxeiros do Xacobeo 2021
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
As obras da estación intermodal comezarán "despois de Reis"
Por Alejandro Espiño |
-
A reforma integral da estación de autobuses obtén licenza
Por Oskar Viéitez |