Suspendido o xuízo por tráfico de drogas contra sete acusados tras renunciar dous deles ao seu avogado
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A Audiencia de Pontevedra suspendeu este luns o xuízo por tráfico de drogas contra sete acusados tras renunciar dous deles ao seu avogado por "desavenencias".
O tribunal e o propio letrado afectado tiveron coñecemento desta circunstancia esta mesma mañá polo que a maxistrada presidenta da Sección cuarta, Nélida Cid, pediu aos procesados J.T.D. e S.M.C. que xustificasen os motivos da súa decisión neste momento procesual e tendo en cuenta que este xuízo xa se suspendeu varias veces.
En primeiro lugar, J.T.D. explicou que tomou ese decisión porque o seu avogado remitiulle onte un cuestionario "y a esas preguntas yo tengo que mentir en ellas y yo no quiero mentir". Igualmente, a súa parella, a tamén acusada S. M. C. utilizou leste mesmo argumento e engadiu a existencia de "desavenencias" co seu avogado e "promesas que hizo y no cumplió".
Ante este desacordo dos acusados coa liña de defensa exposta polo seu representante legal a maxistrada acordou a suspensión da vista e sinalou o xuízo para o vindeiro xoves 13 de febreiro concedendo un prazo de 24 horas para que estes acusados designen a un novo avogado.
GRUPO CRIMINAL
O fiscal antidroga, Pablo Varela, solicita penas que suman máis de 60 anos de prisión para os sete acusados de tráfico de drogas.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, J.T.D. (con antecedentes por tráfico de drogas) e a súa parella S.M.C., xunto con H.T.G. e a súa parella L.D.P., dedicábanse á provisión e distribución de substancias estupefacientes. Todos eles integraban un grupo criminal, xunto con M.M.V. e tamén M.A.C., este último era quen lles fornecía a droga, segundo o escrito do Ministerio Público.
PENAS
A Fiscalía acusa a J.T.D. e a S.M.C. dos delitos de tráfico de drogas, integración en grupo criminal e tenencia ilícita de armas. Para o primeiro pide penas que suman 10 anos de cárcere e o pago de 3.000 euros de multa, mentres que para a segunda solicita 9 anos de cárcere e a mesma multa.
Aos acusados H. T. G. e L.D. P., a Fiscalía impútalles os delitos de tráfico de drogas e pertenza a grupo criminal e pide 5,5 e 4,5 anos de cárcere respectivamente, ademais da multa de 3.000 euros.
Para M.A.C. reclama unha condena de 12 anos de prisión polos delitos de tráfico de droga, integración en grupo criminal e tenencia ilícita de armas, e o pago de 300.000 euros de multa. Mentres que para M.M.V. pide 5 anos de prisión e 9.000 euros de multa.
Por último, esixe a maior pena para J. M.F.M., ao que atribúe os delitos de tráfico de drogas, tenencia ilícita de armas e atentado contra axentes da autoridade. Para el pedía inicialmente penas que suman 15 anos de cárcere e o pago de multas por máis dun millón de euros, aínda que este luns o fiscal xa adiantou que modificará a consideración do delito de atentado para elevar a petición de condena.