PONMO mostrará a moda de deseñadores recoñecidos e incluirá un premio aos novos valores
Por Natalia Puga
A iniciativa Pontevedra Moda (PONMO) servirá como escaparate das creacións de diseñadores consagrados, pero potenciará de xeito especial aos novos valores do sector. Esta promoción de mozos creadores é un dos obxectivos co que xurdiu e vese reforzada cunha das novidades que ven de anunciar a concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, o certame 'Mara PONMO Novo'.
Este certame chega patrocinado por Mara Martín, unha das marcas máis representativas da adega Martín Códax, e, segundo indicou Carlota Román, premiará á mellor colección e o mellor estilismo entre todos os participantes que se inscriban ata o 30 de agosto. Estará dotado con senllos premios de 900 euros máis obsequio para a mellor colección e 200 euros máis obsequio para o mellor estilismo. Os gañadores gañarán o dereito a participar en accións promocionais e desfiles de Martín Códax e a customizar a botella de Mara Martín.
PONMO vai cobrando forma e este xoves recibiu o respaldo explícito do tecido empresarial e comercial de Pontevedra a través dos presidentes da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), A Asociación de Pequenos e Medianos Empresarios (AEMPE) e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCU), Lucía Pedroso, José María Corujo e Miguel Lago.
Recibiu o respaldo explícito do tecido empresarial e comercial de Pontevedra: AJE, AEMPE e CCU
Román agradeceu este apoio a unha iniciativa concebida para "sumar entre todos" e da que asegou que "non pretende substituir a ninguén", senón poñer en marcha a idea dun grupo de novos creadores. Con esta alusión refírese á Cámara de Comercio de Pontevedra, que ata 2011 promovía a pasarela Pontus Veteris, e a Escola Superior de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga), que celebra anualmente o desfile Debut.
"ÿ unha plataforma aberta, que todos aqueles que queiran se vaian sumando", indicou, e engadiu que na vía do crecemento de PONMO están en conversas "a todas as bandas" con institucións pontevedresas e "de todo Galicia". Carlota Román insiste en que están abertos á colaboración da Cámara e Esdemga, aos que "invitamos para que participaran" e para sumarse ao "esforzo" de poñer en marcha un proxecto que "nace coa frescura e as novas enerxías achegadas por un grupo de mozos da cidade".
PONMO, que se celebrará os días 26, 27 e 28 de setembro entre o Pazo da Cultura e diversos espazos públicos da cidade, estrutúrase ao redor dun Showroom, que contará coa participación de empresas interesadas en amosar e promocionar as súas coleccións de roupa e complementos; unha Pasarela; un Certame de novos deseñadores e, finalmente, un programa de actividades en espazos públicos.
Están deseñándose accións encamiñadas a involucrar ao comercio e hostalería locais
Carlota Román avanzou que están deseñándose accións encamiñadas a involucrar ao comercio e hostalería locais, co obxectivo de que Pontevedra respire moda durante os tres días de duración de PONMO. Entre elas estará unha campaña especial de descontos e actividades de dinamización diúrnas e nocturnas que levarán o selo de PONMO na Rúa e PONMO Noite.
A concelleira destacou que xa están abertos os prazos de inscrición para participar no Showroom, que se ofrecerá no Recinto Feiral. As empresas interesadas poden facelo ata o próximo 1 de setembro. Os que ocupen stands teñen aberta a posibilidade de desfilar na Pasarela.
Ata o momento xa confirmaron a súa presenza neste escaparate as firmas 'Hipotenusa' (marca inspirada nas estruturas fractais, onde repetición e proporción xeométrica forman un todo), 'Baena' (iniciativa nacida do desexo de unir diversión, minimalismo, personalidade e confort para crear pezas de roupa) e 'Dioxide' (estilo urbano, natural e confortable para vestir á muller e ao home de hoxe).
Relacionadas:
-
A Escola de Deseño e Moda de Pontevedra conquista Madrid
Por Redacción |
-
As novas tendencias da moda galega, en Pontevedra: 20 deseñadores e cinco empresas estarán en PONMO
Por Alejandro Espiño |
-
PONMO busca modelos de pasarela. Apúntaste ao casting?
Por Redacción |
-
Nace PONMO, unha pasarela de moda que "ni pretende ser lo que había ni pretende competir con lo que hay"
Por Alejandro Espiño |
-
Desaparecida Pontus Veteris, chega a pasarela PONMO
Por Oskar Viéitez |