A Platafoma de Lourizán quere falar co novo Goberno da ampliación da depuradora
Por Oskar Viéitez
A Platafoma "Non á ampliación" da depuradora de Lourizán solicitará unha reunión con representantes do Gobierno de España para pedirlles "que apliquen o sentido común que lle falta á Xunta" no caso do saneamento da Ría de Pontevedra.
Nun comunicado, esta Plataforma veciñal lembra que no acordo de investidura entre o PSOE e o BNG incluíuse a recuperación da Ría de Pontevedra e a saída de Ence da súa ubicación actual, polo que entenden que "non sería comprensible que o Goberno central apostara por recuperar á Ría de Pontevedra e ao mesmo tempo axilizara a tramitación dos informes técnicos para o proxecto de ampliación da EDAR dos Praceres, tal como lle pide a Xunta".
Por iso, este colectivo cidadán pídelle ao Goberno central "a cordura e a coherencia das que carece a Xunta de Galicia".
Por outro lado, tamén denunciarán ante os representantes do Gobierno de España o que desde a plataforma definen como "a política de cuñadismo de Ethel Vázquez".
Di esta plataforma de Lourizán que confía en que o novo Executivo de Pedro Sánchez "non lle dea cobertura á conselleira de Infraestruturas" e "actúe con seriedade ante os retos que plantexa o cambio climático".
Segundo a plataforma, a conselleira Ethel Vázquez "ignora os posibles efectos do cambio climático a medio prazo, ao propoñer triplicar a EDAR dos Praceres que está situada en terreos de Dominio Público Marítimo-Terrestre, nunha cota de -1 metros sobre o nivel do mar".
"Ningún técnico que teña en conta este aspecto podería aconsellar un proxecto así", asegura este colectivo que conclúe que "só quedan 2 opcións: ou que os técnicos que aconsellan o proxecto ignoren este aspecto, algo que sería moi preocupante; ou que os técnicos que aconsellan o proxecto sexan os cuñados de Vázquez ou de Feijóo (e o primo de Rajoy); ou as dúas anteriores ao mesmo tempo".