Cerdedo-Cotobade renova o sistema de pluviais e escorrentías en Quireza
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de acometer diversas obras de mellora das infraestruturas e servizos hidráulicos para tratar de conducir augas pluviais e de escorrentía nos lugares de Cuiña e Laxoso, pertencentes ambos á parroquia cerdedense de Quireza.
Estas actuacións, que foron solicitadas polos veciños e atendidas polo goberno local, recibiron a visita do alcalde, Jorge Cubela, e a concelleira Lourdes Ovelleiro.
No lugar de Cuiña había diversas fontes e mananciais de monte que estaban a botar moita auga -especialmente polos temporais do pasado outono pero tamén de xeito periódico-, polo que optouse por reconducilas todas cara unha infraestrutura de formigón que centraliza este caudal e que evita que discorra polo monte.
Ademais, construíuse unha canalización para as mesmas que chega ata o centro da aldea co obxectivo de que as augas poidan ser aproveitadas polos veciños.
Esta completa actuación rematouse coa habilitación, nesa mesma zona, dun abrevadoiro para as reses de gando mostrenco existentes na contorna; e tamén se realizaron outras melloras nas súas vías e na praza para darlle máis confortabilidade e funcionalidade aos espazos públicos e servizos empregados pola veciñanza.
No caso de Laxoso, o Concello, tras a renovación da traída de augas acometida no ano anterior, vén de construír canalizacións para as augas de escorrentía.
Esta rede, que conta coas correspondentes reixas e rexistros para captar todas as choivas sen que discorran pola pista, facíase necesaria, xa que a forte pendente desta aldea motivaba que, nos días de fortes precipitacións, houbera pequenas enchentes que dificultaban o tránsito rodado e peonil.