Unha tarde de cinema para os nenos ingresados no Hospital Provincial
Por Oskar Viéitez
Na tarde deste luns, a iniciativa da Fundación Andrea, proxectouse a película "A Galiña Turuleca", para que os nenos ingresados poidesen gozar das aventuras deste animal tan singular.
O obxectivo desta acción foi poder achegar a maxia do cinema aos nenos ingresados, irrompendo na súa rutina cunhas horas de ilusión e entretemento xunto aos seus pais.
Ao final da proxección fíxoselles entrega dalgúns obxectos de merchandising realizados expresamente para a ocasión e tamén puideron facerse fotos coas figuras a tamaño real dos personaxes da película.
"A Galiña Turuleca" convertida en personaxe de animación, deu o salto á gran pantalla nesta importante coprodución internacional entre España e Arxentina. A película tivo a súa preestrea mundial no Festival Internacional de cinema de San Sebastián o pasado 21 de setembro. A Premiére solidaria en España, realizouse o pasado 19 de decembro, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, nunha sesión especial ofrecida a máis dun milleiro de nenos de toda Galicia, previa á súa estrea en cinemas o 1 de xaneiro.
A Fundación Andrea agradeceu expresamente á Xunta de Galicia e a Filmax a súa implicación por facer posible este proxecto.