Xulgan un pontevedrés por ameazar con difundir un vídeo íntimo na internet para forzar unha relación sexual
Por Oskar Viéitez
O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra celebrou este martes un xuízo contra un pontevedrés por un caso de "sextorsión". Trátase dunha forma de chantaxe na que se ameaza a unha persoa con divulgar e facer públicas imaxes e vídeos da súa intimidade sexual.
Segundo a Fiscalía, o acusado A.M.G. enviou varias mensaxes de WhatsApp desde o seu teléfono móbil á vítima, "con ánimo de menoscabar a tranquilidade do seu titular" nos que lle comunicaba que posuía un vídeo no que ela mantiña relacións sexuais, o cal llo entregaría se tamén as mantiña con el a través dunha vídeo chamada.
Como a muller non accedeu ás súas pretensións, o acusado mandoulle outras mensaxes dicíndolle que se mantiña relacións sexuais con el da forma expresada, non compartiría o citado vídeo nas redes sociais e pola contra, colgaríao en Youtube.
A Fiscalía considera que estes feitos son constitutivos dun delito de ameazas polo que pediu que este home sexa condenado á pena de 1 ano e tres meses de prisión.