Fernández Lores, preocupado polos recortes en persoal e material na sanidade pública
Por Redacción
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, mostraba a súa preocupación este mércores ante a saturación de enfermos que se rexistra durante estas datas nas Urxencias do Hospital Montecelo, ademais dos problemas de listas de espera nas especialidades médicas e sinalou que está contrastada a deterioración do servizo público sanitario.
Neste sentido, o rexedor lamentou os recortes en material e, sobre todo, en persoal sanitario de todo tipo que se observa na sanidade pública. "*É un erro", apuntou para afirmar que xa desde hai anos se detecta un desfasamento entre o número de profesionais que se xubilan e o número de estudantes da Facultade de Medicina. Apuntou a que falta planificación política e que, por este motivo, agora non hai especialistas en pediatría ou anestesistas.
Fernández Lorez sinalaba tamén que existe un intencionado abandono da sanidade pública que "se vai notar" porque non se fan investimentos e a deterioración, afirmou, será "constante".
SATURACIÓN EN URXENCIAS DE MONTECELO
Precisamente, profesionais de Urxencias de Montecelo denunciaban unha nova aglomeración de pacientes no servizo. A primeiras horas do martes, afirmaban fontes sindicais, había 20 pacientes pendentes de cama, 18 deles ingresaran en Urxencias 12 horas antes.