Carmela Silva espera que este ano "termine este calvario da Pousada de Ribadumia"
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra segue dando pasos para legalizar a Pousada de Ribadumia e poder entregarlla á adxudicataria Hotusa, que se encargará da súa xestión e explotación.
A presidenta da administración provincial, Carmela Silva acompañada polo alcalde de Ribadumia, David Castro, acudiu este mércores á estrea dunha rúa e ao remate das obras de mellora doutro vial nos que a Deputación investiu un total 397.806 euros. Son dúas rúas na contorna da Pousada "imprescindibles para poder facer fronte á apertura" de leste centro hostaleiro.
As obras de construción desta Pousada concluíron en outubro do ano 2013 pero a día de hoxe aínda non abriu as súas portas ao público. "Tiña un custo cando se comezou a construír no 2009 de 1,5 millóns e termina custando esta Pousada 5 millóns de euros", lamentou a presidenta da Deputación.
Carmela Silva destacou que durante este últimos catro anos "o traballo foi tremendo, terrible" sinalando que "a min tenme moi enfadada" todo o que ten que ver con este edificio herdado do anterior goberno provincial do PP presidido por Rafael Louzán.
Entre outras circunstancias a Pousada non tiña licenza de actividade, construíuse sen permiso sobre un dos viais proxectados e unha parcela propiedade da Iglesia, ademais tampouco tiña seguro para instalacións, esgotou o orzamento para subministración eléctrica e tiña sen abonar facturas, non tiña vixilancia nin seguridade, ademais construíron dúas plantas de máis que non se figuraban ao proxecto orixinal tanto na Pousada como no pavillón deportivo e de lecer, e non tiña en regra a documentación.
Por todos estes motivos a empresa adxudicataria Hotusa negárase a recibir o edificio.
Carmela Silva explicou que a día de hoxe hanse resolvido a maioría dos problemas pero aínda está en proceso de licitación o contrato "para facer fronte ás deficiencias" desta edificación, por 146.000 euros de custo. O prazo finaliza o próximo día 23 de xaneiro e unha vez que se adxudiquen as obras haberá un prazo de dous meses para a súa execución.
"Só espero que en abril-maio deste ano por fin termine este calvario da Pousada de Ribadumia", desexou Carmela Silva.