O Concello de Poio postúlase en contra dos campionatos de caza do raposo
Por Oskar Viéitez
O Goberno local de Poio (BNG+PSOE+Avante) aproveitará a celebración do vindeiro Pleno ordinario para postularse "en contra dos mal chamados campionatos de caza de raposo".
Os tres grupos de Goberno respaldarán unha moción impulsada por Avante Poio, que, precisamente, foi tratada na Comisión de Cultura deste mércores. Nesta sesión, o texto contou cos votos favorables do PSOE e a abstención do BNG ata o pleno. En todo caso, os nacionalistas deixan claro que no debate plenario respaldarán esta solicitude, que este mércores contou cos votos en contra do Partido Popular.
A moción servirá para "deixar claro o rexeitamento do Concello contra a realización deste tipo de iniciativas", que promoven a "masacre" dos raposos.
Ademais, a través deste documento instarase á Xunta de Galicia a que suspenda calquera tipo de colaboración que axude á organización destas actividades, dando cumprimento á proposición non de lei aprobada en 2018 polo Parlamento galego por unanimidade, na que se instaba á Xunta a non colaborar nin subsidiar este tipo de convocatorias, a que os seus cargos non participaran dos mesmos, como era habitual na entrega de "trofeos" e solicitar do goberno central a apertura dun debate acerca deste tipo de prácticas.
Por último, respáldanse as convocatorias autoorganizadas e de colectivos que se posicionan en contra desta práctica.
O documento presentado por Avante entende que non existe argumento científico rigorosa que xustifique a autorización destas iniciativas.
"Esta actividade non é un deporte e moito menos ten como finalidade a subsistencia. Xustifícase cun suposto control cinexético cando non existen estudos científicos que avalen esta suposta necesidade de reducir o número de exemplares", di a moción. Ademais, engade, "é unha proba perxudicial para o medio ambiente e invasiva do medio natural, xa que se emprega munición contaminante, como advirte a Axencia Europea de Substancias e Preparados Químicos, que ten un efecto negativo sobre os ecosistemas de todo o país".