Moraña pide á Deputación retomar a reforma da estrada entre Mané e Rebón
Por Redacción
Para o Concello de Moraña, a reforma da estrada EP0503 Mane-Rebón é "fundamental" para que o municipio teña unha "axeitada" mobilidade. De aí que forme parte, xunto con outras dúas vías provinciais, das peticións que o goberno municipal realizou á Deputación.
Luisa Piñeiro quere que se retome unha actuación global cun calado similar ao do proxecto anterior, presupostado en máis de 800.000 euros e que incluía o ensanche ata os nove metros, a modificación do trazado, a construción de beirarrúas e a reposición do firme.
Tamén pide a mellora de dous treitos con curvas sinuosas e firme deteriorado na EP-8201 Couso-Santa Xusta, que foi obxecto de obras na lexislatura anterior pero que non incluíron as zonas que, segundo o goberno local, se atopan en peor estado.
Na carta entregada á Deputación, Moraña inclúe ademais a EP-0018 Amil-Espedregueira, xa que o Concello estima que o reforzo acometido na curva era "urxente pero insuficiente" posto que non elimina a sucesión de curvas de entrada en Amil.
Moraña fixo esta petición durante a visita que o deputado Gregorio Agís, responsable de infraestruturas no goberno provincial, realizou este mércores ás obras de estabilización dun terraplén nesta última estrada.
Os traballos, que foron adxudicados por algo máis de 175.000 euros, permitiron reparar e estabilizar o deterioro producido na vía que une Amil con Xeve.
Entre os problemas producidos polo deterioro do terraplén sobresaía a fenda xurdida entre o bordo da beirarrúa exterior e o pavimento, así como o mal estado da barreira metálica existente neste tramo curvo.
A solución que se considerou máis adecuada foi a substitución do terreo mobilizado por un novo terraplén, saneando o apoio e executando a creación dun socalco na base. Ademais, creouse un muro de escollera no pé do noiro para garantir a sustentabilidade do recheo.
Relacionadas:
-
Rebón estrea unha nova praza pública e 2,5 quilómetros de camiños renovados
Por Redacción |
-
A alcaldesa de Moraña critica que a Deputación só asfaltase a estrada Mane-Rebón no treito pertencente a Barro
Por Redacción |
-
A Deputación e o Concello de Moraña planifican actuacións nas vías provincias ata o ano 2023
Por Oskar Viéitez |
-
Comezan as obras para a mellora da contorna do santuario das Milagres de Amil
Por Redacción |