Unha pomba rompe os cristais da xanela dun edificio obrigando a intervir aos bombeiros
Por Oskar Viéitez
Por causas que se descoñecen unha pomba chocou violentamente contra a xanela dun edificio rompendo os cristais. A caída destes elementos á vía pública obrigou a intervir aos bombeiros de Pontevedra para asegurar a zona ante o "risco de caída de fragmentos".
Sucedeu este mércores ás dúas da tarde no cuarto piso do edificio número 20 da rúa Rosalía de Castro.
Ademais dos Bombeiros acudiron ao lugar do suceso axentes da Policía Local que cortaron o tráfico nesta zona mentres se desenvolvía a intervención.
A anécdota serviu aos efectivos de emerxencias para practicar co novo camión escaleira que adquiriu o Concello de Pontevedra.
Xa horas antes, a iso das once da mañá, os bombeiros e os axentes municipais foron requiridos na rúa Rafael Dieste ante a voz de alarma dada polos veciños pola fumareda que saía da primeira planta do número uno desta rúa.
O lume afectou a un lavalouzas aínda que o fume causou danos en toda a cociña. O inmoble atopábase baleiro nese momento.