O Concello incrementará a subvención á SCD Ponte Caldelas se o primeiro equipo ascende
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recibiu este mércores á nova directiva da SCD Ponte Caldelas.
O alcalde explicoulles a nova fórmula que se empregará para pagar os 25.000 euros da subvención anual que recibe o clube. Desta maneira, o diñeiro poderase ingresar mensualmente (ou con outra frecuencia) na conta da entidade. O alcalde tamén lles recordou as subvencións da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia que se convocan ao longo do ano ás que poden acollerse para incrementar os ingresos do clube.
Díaz tamén lles informou de que a vindeira semana poderán xa entrenar en Chan da Barcia, posto que a obra de renovación do céspede está practicamente rematada, e todo apunta a que a vindeira fin de semana (25 e 26 de xaneiro) poderán xogar o correspondente partido na casa.
A nova directiva tamén trasladou ao alcalde a necesidade de realizar novas melloras na instalación deportiva, que poderán acometerse nos vindeiros meses.
O alcalde tamén se comprometeu a incrementar a subvención anual se o equipo consigue ascender de categoría.
Para motivar aos rapaces, o Concello de Ponte Caldelas conseguiu 55 entradas (5 para entrenadores e 50 para sortear entre os nenos) para asistir ao partido Celta-Sevilla, que terá lugar no Estadio de Balaidos o 9 de febreiro. A visita inclúe tamén as entradas ao museo e a posibilidade de ver o entrenamento previo.