Infraestruturas licita as obras na estrada PO-551 ao seu paso por Marín e Bueu
Por Oskar Viéitez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello de Bueu para anunciar a licitación das obras do proxecto de mellora de seguridade viaria no Tramo de Concentración de Accidentes da estrada PO-551, ao seu paso polos Concellos de Bueu e Marín, que conta cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros.
Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do alcalde de Bueu, Félix Juncal, así como do xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, o xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Manuel Ángel González Juanatey, o concelleiro de cultura, Xosé Leal, e Elena Estévez, voceira do PP local.
Na intervención inclúese a execución dunha senda que dará continuidade dende Marín ata o acceso á praia de Lapamán.
Félix Juncal valorou positivamente "o compromiso e o cumprimento por parte da Conselleira de Infraestruturas", coa que mantivo unha xuntanza a finais do 2017 para abordar a seguridade viaria nesta estrada, "e foi sensible coa petición municipal de instalación de redes semafóricas nunha área cunha enorme circulación de vehículos".
Agora, dous anos despois, ábrese o prazo para que as empresas presenten ofertas de cara á realización desta obra que suporá unha mellora importante na seguridade viaria e nos accesos aos propios núcleos de poboación de Castrelo e Lapamán, así como aos areais, que eran as principais reivindicacións da veciñanza ao longo destes anos.
Así, no proxecto prevese a instalación de dúas glorietas, situadas na entrada á praia de Lapamán e na saída dos areais de Agrelo – Portomaior, así como dunha rede semafórica en Agrelo que completa á que se está culminando en Loureiro, e a renovación de catro pasos de peóns.
Esta actuación comezará previsiblemente en torno ao mes de maio, e terá continuidade con outra da senda peonil entre Lapamán e A Torre (xunto á panadería), e que desde o goberno se agarda que a Xunta poida iniciar proximamente.