O temporal de vento e choiva causa múltiples incidencias
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A partir das dúas da tarde deste xoves o anunciado temporal de vento e choiva, acompañada de treboada con aparato eléctrico, deixouse notar con forza nas Rías Baixas causando numerosas incidencias.
En Pontevedra o Concello pechou as instalacións deportivas ao aire libre e os parques con arboledo "de grandes dimensións" polo risco de caída de ramas.
A Policía Local informou das seguintes incidencias: Intervención da empresa Viaqua pola gran cantidade de auga acumulada na rúa Loureiro Crespo. Os bombeiros acudiron á rúa Xoaquín Costa, e a Ernesto Caballero que estaba asolagada. Na rúa Rodríguez Seoane saía auga dunha arqueta como se fose unha fonte. A avenida de Bos Aires, á altura da praia fluvial, estaba asolagada pero a Policía entendeu que non era necesario cortar a vía. Tamén houbo unha tapa de sumidoiro fóra de lugar na rúa José Malvar Figueroa. E inundouse un garaxe no edificio número 12 da rúa Casimiro Gómez.
En Vilagarcía informouse da caída dun muro dunha nave abandonada sen causar feridos. Tamén, dentro destas incidencias, unha persoa precisou ser trasladada ao Hospital do Salnés despois de caer ao mar no porto de Vilagarcía de Arousa. Sucedeu ao fío das 18:30 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do ocorrido. Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia. Ademais, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil, da Policía Local e Nacional e de Protección Civil da localidade.
En Sanxenxo o vento derrubou unha carpa en Adina que fora instalada para as festas desta fin de semana.
No Grove inundouse Porto Meloxo e a zona do Corgo.
Tamén en Cambados o centro da vila rexistra asolagamentos e grandes balsas de auga na Avenida de Castrelo, Avenida de Galicia, Avenida de Vilariño, Avenida de Vilagarcía, O Pombal, Ribeira de Fefiñáns, Praza de Abastos, Cuatro Caminos, zona do Centro de día de Santo Tome, Rúa Lugo, Río da Ucha, Colexio de Corbillón, entre outras.
Ademais, a maioría da frota permanece amarrada a porto.