Poio acomete a limpeza de varios lavadoiros
Por Redacción
O departamento de Obras e Servizos procedeu nos últimos días a acometer labores de limpeza en máis dunha ducia de lavadoiros, situados en diferentes parroquias do concello de Poio.
Tal e como explicou a concelleira responsable desta área, a socialista Chelo Besada, tratáronse de traballos que se levaron a cabo para adecentar estes espazos. Como consecuencia das choivas e o mal tempo rexistrados durante boa parte do outono e do inverno, en varios destes lavadoiros acumulábase a broza e a terra, polo que foi preciso adecentalos. Os traballos culminaron ao longo desta semana.
En concreto, os operarios municipais actuaron en varios lavadoiros de Lourido e A Barca (San Salvador), así como en Cela e A Chousa (Combarro) ou na praza pública de Samieira. Nesta parroquia tamén se procedeu a limpar o lavadoiro situado a carón da estrada PO-303, que conecta a PO-308 con Armenteira.
Chelo Besada lembra que o Concello dispón da Liña Verde, a través da cal os veciños de Poio poden informar á Administración municipal de incidencias de diferente índole, como, precisamente, o estado dos numerosos lavadoiros que se atopan na localidade. A apliación pódese obter, de xeito gratuito, a través da páxina web do Concello.