A Deputación presentará en Fitur a súa campaña turística "Sigue o teu instinto", centrada na natureza
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou "Sigue o teu instinto" a campaña de promoción turística para este ano 2020 que será presentada na Feira internacional de turismo (Fitur) o xoves 23 de xaneiro ás 12:30 horas. Nas próximas accións promocionais "centrámonos na natureza, mostrando o noso compromiso coa Axenda 2030" de Nacións Unidas.
Segundo Carmela Silva é unha campaña que "ten materiais que emocionan, de altísima calidade e que fala de nós como nunca se falou".
"Temos paisaxes espectaculares onde realizar turismo activo e rural, sendeirismo, benestar, termalismo,...", enumerou Carmela Silva. A presidenta insistiu no obxectivo do Plan Estratéxico da Deputación "queremos un destino sustentable e responsable".
A campaña "Sigue o teu instinto" descobre "recunchos absolutamente máxicos" e impulsarase con ideas do tipo " Detente e mira" destacando que na provincia de Pontevedra "hai lugares que che permiten lembrar que somos parte da natureza". Segundo resumiu Carmela Silva "é unha invitación para escoitar o que nos pide o corpo e deixarnos levar para conectar co noso lado humano e natural".
No marco da Feira de Turismo a presidenta da Deputación indicou que "nos reuniremos con, operadores turísticos, empresas e organizadores de eventos, asistiremos a presentacións", entre as múltiples actividades programadas na axenda do goberno provincial.
A campaña arrinca en Fitur cun acto conducido por Celia Freixeiro, actriz finalista nos Premios Feroz, que estará arroupada por "xente moi recoñecida e que nos representa nos seus distintos ámbitos", limitouse a sinalar para manter a sorpresa.
Na rolda de prensa deste venres presentouse un avance do vídeo da campaña "Sigue o teu instinto", que presentará a Deputación en FITUR 2020.
A actriz Celia Freixeiro tamén é a protagonista do audiovisual de Turismo Rías Baixas que anima a "regresar ás orixes" e gozar do "impresionante patrimonio natural" da provincia. "O vídeo é vital pero intimista, toca o máis profundo e está baseado nas emocións, con historias reais", explicou a presidenta.
No vídeo aparecen localizacións "moi especiais" de todas as comarcas da provincia, "e introducimos aspectos de vida saudable, turismo de benestar, e, algo moi novo, respecto aos animais e á fauna".
Haberá un segundo vídeo no que deportistas de elite como Desireé Vila, Pablo Dapena, Rodrigo Conde, Susana Alonso Roi, Uxía e Iria Huertas "falarán da importancia da natureza como escenario onde desenvolver actividades deportivas".
Aos asistentes á presentación de Turismo Rías Baixas entregaráselles un obsequio no que "repartiremos natureza, mar e montaña, o patrimonio inmaterial do saber popular relacionado coa natureza". Sen querer desvelar o contido dese agasallo, Carmela Silva tan só avanzou que "é unha edición limitada de 500 unidades que forman unha obra de arte efémera colectiva".
Ese mesmo xoves 23 de xaneiro, na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles, a Deputación de Pontevedra recollerá a renovación dos distintivos Q de Calidade. Carmela Silva destacou que as oficinas de turismo da institución provincial obtiveron unha valoración de 94 de 100 "a máxima nota en sistema de calidade ou no servizo de atención".
Carmela Silva tamén anunciou que aproveitarán a súa estancia en Madrid para presentar 'María Vinyals. A muller do porvir' en libraríaa 'A boa vida'. A coñecida como 'marquesa vermella' estivo moi vinculada á capital do Estado, onde viviu e vive agora a súa familia. A presidenta provincial aproveitará para divulgar a figura deste relevante personaxe e o Castelo de Soutomaior.
Relacionadas:
-
A gastronomía e a arte rupestre, intereses dos asistentes a FITUR sobre Pontevedra
Por Redacción |
-
O paraíso natural das Rías Baixas sorprende en FITUR
Por Redacción |
-
Máis de 30 empresas turísticas de Sanxenxo desembarcan en FITUR
Por Redacción |
-
Sanxenxo estrea nova estratexia turística en FITUR
Por Oskar Viéitez |