Nace Veciñanza, un novo colectivo de activismo cívico en Pontevedra
Por Redacción
Persoas de distintos sectores profesionais e diferentes ámbitos territoriais pontevedreses veñen de crear Veciñanza, un novo colectivo para a intervención e o activismo cívico en Pontevedra e a súa zona de influencia.
Presidida pola psicóloga Herminia Dios, anteriormente membro da executiva de Marea Pontevedra, Veciñanza márcase como obxectivos contribuír a mellorar a calidade de vida e benestar da xente, defender os seus dereitos básicos, prestar apoio a outros movementos sociais e promover unha sociedade máis igualitaria e equitativa entre mulleres e homes.
Para iso, de entrada, o colectivo organizará xornadas de divulgación e debate, seminarios específicos de formación e denuncia e relatorios, charlas e mesas redondas. Tamén promoverá campañas e accións de interese para a cidadanía.
A súa estrea será o vindeiro mércores 22 de xaneiro, ás sete da tarde, cunha xornada denominada O dereito a participar que se celebrará na Casa da Luz.
Será un relatorio de Leire Zagazua Urturi, valedora dos veciños en Vitoria-Gasteiz; e unha mesa redonda co ex alcalde de Pontevedra, Juan Luis Pedrosa; a actual concelleira de Igualdade, Paloma Castro; e a propia Herminia Dios sobre a participación veciñal na cidade.